A oficina de turismo de Foz amplía o seu horario a partir do 15 de xuño e contará con un traballador máis na tempada de verán.

A oficina de turismo de Foz amplía o seu horario a partir do 15 de xuño e contará con un traballador máis na tempada de verán.
 
A oficina de turismo do Concello de Foz, que está situada no edificio do Cenima, amplía o seu horario a partir do vindeiro luns, día 15, e incorporará un traballador máis para a tempada de verán.
A concelleira de Turismo, Maite López Rego, explicou que “como todos os anos nestas datas, vamos aumentar o horario da oficina de turismo. Terá xornada partida: pola mañá atenderemos desde as 10 ás 14 horas e pola tarde de seis a oito. É un horario provisional, que empezará o luns, 15 de xuño, e manterase ata o 15 de setembro. Pero digo que é provisional porque está a punto de entrar unha persoa nova que reforzará este servizo durante os meses de verán, como nos últimos 4 anos, que levamos gobernando no Concello. Vai haber unha persoa que reforzará o traballo da actual técnico de turismo e nese momento, cando se incorpore, ampliaremos aínda un pouquiño máis este horario para atender os sábados e, se é posible, os domingos tamén, e máis horas durante a semana”.
Maite López Rego engadiu que “como todo o mundo sabe, o concello de Foz move moito no sector turismo e hai que apoiar e reforzar este servizo para que todos os visitantes que acudan este verán ao noso concello se sintan atendidos e informados en todo momento das cousas que hai no noso municipio e tamén nos do arredor. Non podemos esquecer que o noso entorno é A Mariña, polo que desde a oficina de turismo daráselles información loxicamente da vila de Foz e das súas parroquias, pero tamén de outras cousas que se poden ver en concellos veciños, como poden ser As Catedrais, O Castelo de Burela e outros lugares”.
A concelleira de Turismo focense rematou desexando “a veciños e visitantes un feliz verán e esperemos que o resultado ao final sexa satisfactorio, que non haxa ningún tipo de incidente e cada un goce o mellor posible do verán”.