As festas patronais de Ribadeo desenvólvense do 28 de agosto ao 8 de setembro. Estarán amenizadas por dez orquestras e haberá múltiples actividades para toda a familia.

As festas patronais de Ribadeo desenvólvense do 28 de agosto ao 8 de setembro. Estarán amenizadas por dez orquestras e haberá múltiples actividades para toda a familia.
 
As Festas Patronais de Ribadeo botan a andar este venres 28 cun programa que encherá a vila de actividades até o 8 de setembro grazas a música, actividades deportivas e espectáculos para toda a familia.
Este venres ás 18 horas ábrese no Parque San Francisco o Mercado Pirata, seguido ás 20.30 horas pola lectura do pregón no Cine Teatro a cargo do médico lugués José Ignacio Vidal Pardo. Durante toda a fin de semana continúa aberto o Mercado Pirata e o luns, martes e mércores sucederanse actividades do máis variadas, como as dúas gimkanas do 31 de agosto, a Festa da Espuma e os xogos en colchonetas inchables o martes pola tarde e os espectáculos infantís con malabares, coches a control remoto ou zumba o mércores, no recinto da festa.
O xoves comezan as verbenas, que este ano reúnen en Ribadeo a 10 orquestras.  Inaugura as festas a orquestra Trébol o 3 de setembro, e esa mesma noite haberá tamén unha discoteca móbil para amenizar a festa.
O día seguinte, venres 4, segue a festa coas orquestras Superfama e La Fórmula. Pola tarde as familias poderán gozar co espectáculo de circo de Pistacatro no Parque San Francisco. 
O sábado 5 dende as 11 da mañá poderá visitarse no Parque San Francisco a Concentración de Coches Clásicos e, como nas xornadas anteriores, á noite volverá a verbena, nesta ocasión a cargo de Breixaband e Ledicia.
O domingo, 6 de setembro, sairán os cocos e os cabezudos sobre ás 11 da mañá acompañados do grupo de gaitas Illa Pancha. Ás 17 horas celebrarase o Día da Bicicleta, cun percorrido polas rúas de Ribadeo que partirá da Casa do Concello. Pola noite serán as orquestras Madeira e Capitol as que se encarguen de facer bailar aos visitantes.
O luns, 7 de setembro, ás 10 horas están previstos os 21 cañonazos anunciando a Véspera da Patroa e a posterior saída dos Cocos e Cabezudos polas rúas. A medianoite tiraranse os fogos artificiais no peirao e continuará a festa coas orquestras Primera Línea e Panamá Band.
O martes, 8 de setembro, día grande das festas e festivo local, comezará cunha misa ás 12 horas cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión acompañada pola Banda Municipal de Música, que actuará xusto despois no Parque San Francisco. A verbena será amenizada por Costa Oeste, que tamén se encargará da sesión vermú.