Está aberto o prazo para participar no XIV Mercado de Nadal, que terá lugar do 8 ao 11 de decembro no parque de San Francisco, en Ribadeo.

Está aberto o prazo para participar no XIV Mercado de Nadal, que terá lugar do 8 ao 11 de decembro no parque de San Francisco, en Ribadeo.
 
A Concellaría de Desenvolvemento Local abriu o prazo de inscrición na XIV edición do Mercado de Nadal, que terá lugar os días 8, 9, 10 e 11 de decembro. Os interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 10 de novembro.
 
A edil nacionalista Ana Martínez dixo que “dende o Concello de Ribadeo, dentro da dinamización non soamente turística senón tamén nun espazo de oportunidades para os profesionais relacionados coa artesanía e o deseño, para os novos creadores e creadoras que se moven dentro do mundo da artesanía e da creatividade, seguimos apostando polo xa tradicional Mercado de Nadal que con esta son catorce as edicións que durante a ponte do mes de decembro en Ribadeo se dispón para que toda esta xente poida presentar, vender e dar a coñecer o seu traballo”.
 
A concelleira de Desenvolvemento Local anunciou que “para este ano as datas elixidas son o 8, 9, 10 e 11 de decembro. Para a xente que estea interesada en participar ábrese o período de solicitudes, ás que poden acceder a través da páxina web do Concello de Ribadeo, www.ribadeo.gal, entrando no que é a sede electrónica e no taboleiro de anuncios están colgadas as bases de participación. Se manterá a localización na que estivemos o ano pasado, creo que foi un éxito no parque de San Francisco con 25 casetas”.
 
Martínez engadiu que “a participación ten unha pequena cota que son 125 euros por participante. O prazo está aberto ata o 10 de novembro e a información pódese recoller ben chamando ao Concello de Ribadeo ou ben na propia páxina do Concello. O mercado está un pouco aberto a todos eses novos creadores, emprendedores, emprendedoras que se moven na artesanía en xeral, na ilustración, a fotografía ou complementos de roupa. Falamos de todo aquilo que estea feito a man e que ao mellor non teñen outros canles de visibilizar ou de venta moito máis grandes, e que estas pequenas feiras lles permiten dispoñer precisamente nunhas datas nas que a posibilidade de mercar para agasallos de Nadal tamén pode incrementar as súas ventas”.
 
A edil ribadense cre que “tamén isto axuda a dinamizar non soamente o que é o espazo do Mercado de Nadal, senón a nosa vila. Moita xente se achega durante estas datas a Ribadeo para gozar dun ambiente entrañable no que ademais hai música e actividades diversas, polo que supón un incentivo para unha vez máis achegarse a Ribadeo”.