Mondoñedo acolle este venres, 9 de setembro, unha conferencia sobre a vida do cineasta Victoriano López García.

Mondoñedo acolle este venres, 9 de setembro, unha conferencia sobre a vida do cineasta Victoriano López García.
 
O Concello de Mondoñedo clausurará mañá o ciclo de cine ao aire libre ‘Victoriano López García’, que se levou a cabo este verán, cunha conferencia sobre a vida do cineasta. 
 
Así o avanzou a alcaldesa, Elena Candia, quen precisou que o relatorio será impartido polo prestixioso catedrático da Universidade Complutense de Madrid Emilio C.García Fernández arredor das 20:30 horas no Centro Comarcal da localidade.
 
Candia salientou a boa acollida que tivo o ciclo de cine “cuxa última proxección será hoxe ás 22:00 horas coa emisión da película Los fenómenos na praza do Concello”. 
 
A rexedora explicou que estas actividades se enmarcan dentro do programa de actos que o Concello está a  levar a cabo na honra a este ilustre mindoniense que dedicou a meirande parte da súa vida ao mundo do cine, polo que recibiu o Galardón de Honra na IV edición dos premios Goya e foi profesor de destacados directores como Luis García Berlanga, José Luis Borau, Juan Antonio Bardem e Carlos Saura, entre outros”.
 
O ponente, Emilio C. García Fernández
Naceu en Ribadavia (Ourense) no 1953. Ademais dos estudos de Filosofía, Psicoloxía e Publicidade, doutorouse na Sección de Imaxe na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid.
 
A súa traxectoria académica abarca máis de trinta anos nos que, ademais de asumir etapas de xestión, dedicouse fundamentalmente como Mestre Titular e agora como Catedrático a ensinar Historia do Cine e dos Medios de Comunicación Españois e Internacionais a numerosas promocións de alumnos.
 
Na súa actividade investigadora destacan os numerosos libros e artigos que escribiu nos máis variados soportes, as conferencias impartidas e un sen fin de actividades coas que divulgar o cine entre os máis novos.
 
Escribiu tamén numerosos artigos na prensa diaria e revistas especializadas. E dirixiu tamén varios proxectos e obras audiovisuais.
 
Títulos académicos
Catedrático da Universidade Complutense de Madrid.
Licenciado en Ciencias da Información. Sección de Imaxe. Universidade Complutense de Madrid. 8 de xuño de 1980. 
Doutor en Ciencias da Información. Sección de Imaxe. Universidade Complutense de Madrid. 30 de xuño de 1983. 
Licenciado en Publicidade. Universidade Autónoma de Barcelona. Setembro do 1994.
Certificado de Aptitude Pedagóxica. Universidade Complutense de Madrid.