
O Concello de Burela inaugurou na Casa da Cultura unha exposición que recolle máis dunha década de traballo da veciñanza arredor do Día Internacional contra a Discriminación Racial. A mostra forma parte da programación municipal vinculada ao 21 de marzo e permanecerá aberta ao público até o 10 de abril. A mostra poderá visitarse de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas.
A exposición reúne obras realizadas por persoas de distintas idades e procedencias, que participaron ao longo dos anos nos concursos organizados con motivo desta conmemoración. O percorrido estrutúrase de maneira cronolóxica dende 2014 ata 2025, con excepción do ano 2020, no que non se levou a cabo a actividade debido á pandemia.
Durante o acto inaugural, o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou o valor das achegas realizadas pola cidadanía. Segundo indicou, a exposición pretende “recoñecer o traballo que moitas persoas de Burela foron desenvolvendo ao longo destes anos, no que cada obra transmite unha mensaxe en favor da convivencia e do respecto”.
A mostra inclúe creacións en diferentes formatos, así como un vídeo presentado na edición de 2024, accesible a través dun dispositivo instalado na sala. Ademais, as obras máis recentes responden a un formato libre e aberto, adoptado nas últimas edicións “co obxectivo de favorecer a expresión individual sen limitacións”.
No marco desta programación o Concello de Burela organizará tamén unha xuntanza aberta á veciñanza o día 27 de marzo, venres, ás 12:00 horas no salón de plenos, reunión na que se recibirán achegas de todas as persoas que desexen presentar traballos relacionados coa loita contra a discriminación racial.
Dende o Concello de Burela subliñan que estas actividades “forman parte dunha liña de traballo continuada ao longo do ano en materia de sensibilización e promoción da multiculturalidade no municipio”.


