
A UNED de Foz inclúe na súa programación para o vindeiro mes de abril oito actividades: sete cursos e a presentación dun libro.
A Aula da UNED de Foz presenta a súa programación de actividades para o mes de abril, cunha “oferta formativa diversa que abrangue ámbitos como a eficiencia enerxética, o desenvolvemento sostible, a preparación de oposicións, o benestar físico, a comunicación ou a educación”.
A programación comezará co curso Eficiencia enerxética no ámbito laboral, que se desenvolverá do 8 ao 29 de abril, en horario de 17:00 a 19:30 horas, en modalidade online. Do 13 ao 16 de abril terá lugar o curso sobre o Estatuto de Autonomía para opositores, en horario de 15:45 a 19:45 horas. “Entre as propostas máis destacadas tamén se atopa o curso Reconectar para Conectar: o poder da comunicación consciente, a cargo da psicóloga Alba Burundarena, que se celebrará os días 20 e 21 de abril, de 16:00 a 20:00 horas. Outra das citas relevantes será a presentación do libro A Faba e nós, de Alberto V. Serantes, prevista para o 23 de abril ás 19:00 horas na Biblioteca de Foz, tamén con opción online. Contará coa participación da súa ilustradora e deseñadora da portada, Araceli Paz. Esta actividade cobra un significado especial ao coincidir coa celebración do Día do Libro, reforzando o carácter cultural da xornada e a promoción da lectura”. A concelleira de Educación, Elena Martínez, puxo en valor esta iniciativa: “eventos como a presentación de A Faba e nós nun día tan simbólico evidencian a estreita colaboración entre a biblioteca municipal e a UNED, dúas entidades que traballan da man para dinamizar a vida cultural do noso concello”.
A oferta complétase con cursos como Inglés B1 para adultos – Repaso pre-exame (do 20 de abril ao 20 de maio), Responsabilidade Social Corporativa e Sistemas de Xestión Ambiental na empresa moderna (do 28 de abril ao 19 de maio) e Acompañando á dislexia: guía para familias e educadores (do 28 de abril ao 7 de maio). Este último a cargo da psicóloga especialista Alicia Lage, responsable da clínica Sinapsis e que contará coa colaboración especial nunha das sesións de dous membros do equipo de Change Dyslexia.
A coordinadora da Aula, Marta Muiña, destacou a importancia de ofrecer unha programación variada e accesible: “seguimos apostando por unha formación de calidade, adaptada ás necesidades actuais, combinando modalidades presenciais e online para facilitar o acceso a toda a cidadanía”.
As persoas interesadas poden obter máis información sobre a oferta formativa e o proceso de inscrición a través dos canais habituais da UNED ou directamente na propia Aula Universitaria.


