Este domingo, 19 de abril, en Alfoz do Castrodouro lanzarán tres foguetes, un por cada palabra do topónimo restaurado

Este domingo, día 19 de abril, ás 12 do mediodía veciñanza de Alfoz do Castrodouro lanzará tres foguetes, un por cada palabra do topónimo restaurado, desde o alto da histórica vila do Castrodouro, ao pé do castelo.

Os promotores desta iniciativa explican que se trata de “mostrar a ledicia pola recuperación dun nome que sufriu unha inexplicábel mutilación durante catro décadas, e que desde o pasado 30 de marzo (día en que o Consello da Xunta aprobou os topónimos revisados pola RAG) volve gozar de plena vixencia. Así, alfoceses e alfocesas desexan celebrar a restauración, mostrar o seu orgullo de pertenza a un territorio fortemente vinculado á historia medieval galega e entoar ao unísono as tres palabras do nome da súa localidade. Deste xeito nas nove parroquias alfocesas resoará simbolicamente o topónimo restaurado en forma de tres estalos festivos”.