
O Círculo Habanero da Devesa, no municipio de Ribadeo, acollerá este venres, día 15 de maio, ás 20:30 horas un concerto das cantautoras Eva Rosado e Celia Pía. O prezo da entrada é de 10 euros.
É un evento organizado pola Asociación Cultural A Tribo da Travesía, que explica: “dúas cantautoras do Norte, de Ortegal e do Occidente Asturiano. Eva Rosado, de Castropol, abre con catro temas. Ela compón desde unha parte íntima e intuitiva construíndo cancións "a ratos" cunha guitarra antiga e baixo a crenza que a música traza pontes e une almas.
Logo Celia Pía acompañada de Xavier Melgar (a Buguina Terraquea) ofrece un concerto con temas do seu ultimo disco, Estado Natural, que podedes escoitar en todas as plataformas. As súas cancións son reflexo da súa experiencia vital liberando na composición o que lle incomoda a través dunha relación poliamorosa coas artes pois Celia tamén é pintora”.
A Tribo da Travesía aposta “polas creadoras próximas e polos concertos onde se aprenden de novos universos persoais” e anuncia: “despois do concerto, como é habitual na Tribo, haberá tapas caseiras de culler e de balde”.


