A IX Romaxe Viquinga do Vicedo será presentada este xoves, 11 de xuño

O Concello de O Vicedo anuncia que “o xoves día 11 de xuño terá lugar a presentación da IX edición da Romaxe Viquinga do Vicedo. Haberá dúas actividades ben diferentes para dar inicio aos actos da Romaxe Viquinga: ás 11 horas, a Resolución do concurso de debuxo infantil Romaxe Viquinga, que contará coa presenza do alumnado do CEIP O Vicedo. Nesta actividade proxectaranse todos os debuxos participantes e haberá premios para os 3 primeiros de cada categoría (primeiro ciclo e segundo ciclo), ademais de agasallos para todos os participantes. Neste acto participará tamén o encargado do deseño dos carteis e camisetas dos últimos anos, Cristian F. Caruncho. E ás 12:30 horas, presentación oficial da IX Romaxe Viquinga, que contará coa presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares Bermúdez; a deputada provincial de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e co alcalde de O Vicedo, Jesús Novo Martínez. Neste acto participarán tamén o deseñador do cartel e camiseta deste ano, Cristian F. Caruncho, e os responsables da parte artística dos últimos anos, Queiman e Pousa. Nesta presentación tamén se van dar a coñecer os deseños do cartel e camisetas oficiais da romaxe”.

A IX Romaxe Viquinga do Vicedo vaise celebrar na praia de San Román o sábado 25 de xullo de 2026 “cun amplo programa de actividades e onde destaca o tradicional desembarco viquingo e recreación da batalla cos cristiáns (12:30 horas), as actividades dos campamentos durante todo o día, o torneo cristián a cabalo (20 horas), o enterramento viquingo (22:30 horas) e as actividades musicais durante toda a tarde”.