Lourenzá acolle este sábado, 20 de xuño, un escape room gratuíto ao aire libre protagonizado pola historia do mosteiro e a lenda do Conde Santo

A empresa Escapeo anuncia que o proxecto XOGAL chega á súa segunda cita “coa enerxía que marca o verán. A proposta aterra este sábado en Lourenzá, unha vila con un mosteiro monumental, unha figura lendaria e un sabor propio que este sábado 20 de xuño se converte nun gran escenario de xogo ao aire libre, aberto a todo o mundo e totalmente gratuíto”

O proxecto XOGAL, impulsado polos GDR Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e Vales Orientais e Miño Ulla en colaboración coa empresa galega Escapeo, arrinca a súa segunda cita co escape room Lourenzá e o Conde Santo, no que haberá “enigmas, retos e pistas que percorren a historia e o patrimonio dunha vila que agocha moito máis do que parece. Ademais da experiencia de xogo en si, os equipos mellor clasificados poderán levar premios en forma de experiencias turísticas e de lecer. Todas as persoas participantes entrarán automaticamente nos sorteos organizados polo proxecto, dúas cestas de produtos típicos da zona. Ao remate da actividade, todos os asistentes poderán desfrutar dun pequeno aperitivo de peche”.

A organización desta actividade tamén explica que “a inscrición é gratuíta e está aberta en escapeo.com/xogal/. Só fai falta o móbil cargado e calzado cómodo.  Un dos grandes atractivos de XOGAL é a súa accesibilidade: non é necesario descargar ningunha aplicación. O xogo funciona directamente desde o navegador do teléfono, o que o converte nunha actividade ideal para toda a familia, grupos de amigos ou simplemente quen queira pasar unha mañá diferente na Mariña Luguesa. Unha vez celebrado o evento de estrea, a experiencia quedará activa durante un mes, para que veciñanza e visitantes poidan realizala gratuitamente e ao seu propio ritmo”.

A edición 2026 de XOGAL é “unha iniciativa que converte o territorio rural galego nun gran espazo de xogo, onde patrimonio, historia, natureza e participación cidadá se unen para ofrecer unha nova forma de explorar Galicia”.