Viveiro CCH acada un Premio Extraordinario do Comercio Galego 2026, co que fará unha campaña de dinamización en outubro

A Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro (Viveiro CCH) vén de ser distinguida pola Xunta de Galicia cun dos Premios Extraordinarios do Comercio Galego 2026 grazas ao proxecto titulado Viveiro conta e o seu comercio tamén, un recoñecemento que leva aparellada unha dotación económica de 20.000 euros para o desenvolvemento de accións de dinamización e promoción do comercio local. A entidade destaca que os 20.000 euros asociados ao premio permitirán desenvolver no mes de outubro “esta gran campaña, con accións que reforcen a competitividade do comercio local, melloren a súa visibilidade, aumenten as ventas, a fidelización de clientes e a promoción da marca comercial de Viveiro”.

Viveiro CCH destaca que “este galardón supón un novo fito para a entidade viveirense, que encadea dous anos consecutivos recibindo importantes recoñecementos autonómicos. Se no ano pasado Viveiro CCH acadaba o Premio Comercio Galego na categoría de Dinamización Comercial, este novo Premio Extraordinario consolida á asociación como un dos referentes do comercio de proximidade en Galicia. Os Premios Extraordinarios do Comercio Galego recoñecen proxectos innovadores e estratéxicos impulsados por asociacións comerciais que contribúen ao fortalecemento do tecido empresarial local, á modernización do sector e á dinamización económica das vilas e cidades galegas. A través destas distincións, a Xunta de Galicia pon en valor iniciativas capaces de xerar impacto real sobre o comercio de proximidade e de reforzar o seu papel como motor económico e social. O proxecto premiado, Viveiro conta e o seu comercio tamén, nace coa vocación de poñer en valor as historias, as persoas e o patrimonio humano que hai detrás dos establecementos comerciais da cidade. A iniciativa busca reforzar o vínculo emocional entre a veciñanza e os negocios locais, destacando o comercio como parte fundamental da identidade de Viveiro e como un elemento clave para manter vivas as rúas, os barrios e a economía local. Levaranse a cabo tamén accións de dinamización con sorteos, premios, música, actividades infantís, rascas, ruleta, xornadas gastronómicas e moitas actividades máis que farán desta unha acción extraordinaria para o comercio local”.

Ademais desde a directiva de Viveiro CCH amosan a súa satisfacción por este novo recoñecemento: “recibimos esta noticia con enorme ilusión e orgullo. Este premio é o resultado do traballo constante que se realiza desde a asociación, da implicación dos nosos socios e da aposta permanente por innovar e buscar novas formas de conectar o comercio coa cidadanía. Que a Xunta de Galicia recoñeza o noso proxecto como un dos 5 mellores de Galicia é unha motivación extra para seguir traballando con máis forza ca nunca”.

Viveiro CCH, que conta con máis de dúas décadas de traxectoria e representa a máis de 130 negocios da cidade, “consolidouse nos últimos anos como unha das asociacións comerciais máis activas de Galicia, impulsando campañas de dinamización, proxectos de dixitalización e accións promocionais que contribúen ao desenvolvemento económico e social de Viveiro”.

Desde a asociación queren compartir este recoñecemento con todos os comerciantes, hostaleiros, empresarios e emprendedores que forman parte do tecido económico local: “este premio non é só da asociación. É de cada negocio que abre as súas portas cada mañá, de cada persoa que aposta por mercar no comercio local e de todos os que cren que unha vila viva precisa dun comercio forte. Seguiremos traballando para que Viveiro continúe sendo un referente comercial en Galicia”.

Con este novo galardón, Viveiro CCH reafirma “o seu compromiso coa innovación, a dinamización comercial e a defensa do comercio de proximidade como elemento esencial para o futuro da cidade”.