O Concello de Viveiro organiza un curso de defensa persoal feminina para o 25 de setembro

O Concello de Viveiro impartirá o vindeiro 25 de setembro un curso de defensa persoal feminina na Casa do Forno, en Celeiro, unha actividade “orientada a proporcionar ás participantes ferramentas e protocolos de actuación ante diferentes situacións de violencia de xénero”.

A iniciativa desenvolverase no marco do Acordo de Colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

O curso terá lugar en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 14:00 a 20:00 horas e será impartido por persoal especialista en defensa persoal.

O Concello de Viveiro tamén explica que “a formación combinará o adestramento físico e psíquico co obxectivo de facilitar ás participantes recursos que lles permitan establecer pautas e protocolos de actuación ante diferentes situacións relacionadas coa violencia de xénero. Para participar non é necesaria unha condición física específica, polo que poderá inscribirse calquera muller interesada. As participantes deberán acudir á actividade con roupa cómoda”.

As inscricións deberán realizarse na conserxería da Casa do Concello de Viveiro, vía telefónica no 982.550.421 ou presencialmente.

Desde o Concello de Viveiro anímase ás mulleres do municipio a participar “nesta iniciativa formativa e de sensibilización, que contribúe a reforzar os recursos para a prevención e actuación fronte á violencia de xénero”.