
Muras acollerá o este domingo, día 8 de novembro, a novena edición do Trail das Bestas, organizado polo Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que anuncia: “medio milleiro de persoas inscribíronse para participar na proba que, nesta edición, suma unha nova modalidade de participación, un Mini Trail, de 8 quilómetros e un desnivel de 350 metros, que serve como primeiro contacto con este deporte. Poderase participar nesta modalidade a partir dos 14 anos. As outras modalidades de participación son: Maratón, de 43 quilómetros e 2.100 metros de desnivel, o Trail Classic, de 27 quilómetros con 1.400 metros de desnivel, Trail Curto, de 12 quilómetros e 700 de desnivel, e a Andaina, de 8 quilómetros de 350 metros de desnivel”.
O deputado provincial de Rural, Daniel García, e o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, presentaron a proba xunto a representantes da organización e da Federación Galega de Atletismo na área recreativa da Veiga, punto de saída das probas.
Daniel García apuntou que “este trail celébrase nunha zona natural de gran valor, unindo o deporte e a contorna, e poñendo en valor as diferentes paisaxes do Concello de Muras e as súas posibilidades deportivas, turísticas e ambientais”.
O alcalde mostrouse “moi contento de que unha proba nun concello rural teña tan boa acollida”; ademais explicou que “o Trail das Bestas foi nomeado mellor trail de Galicia pola Federación Galega de Atletismo e desde o Concello sempre quixemos ligar Muras con valores positivos como os que representa o deporte”.
Ademais a Vicepresidencia da Deputación destaca que o Trail das Bestas “forma parte das probas Serie Ouro, polo que outorga un coeficiente de ×5 puntos nos rankings federativos correspondentes, tanto no ranking individual como no ranking de clubs nos casos nos que resulte de aplicación. Esta puntuación é independente das clasificacións, categorías e premios propios do Trail das Bestas”.


