A XI Feira do Mel da Montaña será este sábado, 21 de novembro, no Viveiró (Muras)

O Viveiró acolle este sábado, 21 de novembro, a décimo primeira edición da Feira do Mel de Montaña, organizada polo Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

 A feira, que abrirá ás 11.00 horas na Praza do Viveiró, contará con postos de venda de mel e doutros produtos de temporada e proximidade, entre eles sete postos de apicultores e apicultoras de Muras e da contorna.

A Vicepresidencia da Deputación destaca que “a calidade do mel das producións locais valorarase na tradicional cata, na que se elixirán as mellores colleitas da comarca. Tamén se ofrecerán charlas divulgativas sobre o control da varroa e sobre as axudas e subvencións para o sector apícola”.

O recinto estará animado durante toda a xornada, cunha demostración de cociña a cargo de Cris Tizón, de 12.00 a 13.00 horas, e outra demostración orientada á cativada pola tarde, ás 15.30 horas. A actuación da Banda de Música de Vilalba, unha liscada popular e as actuacións de Fol do Raxal e Entre Lusco e Fusco completan o programa ata o peche da feira.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, destacou a traxectoria da feira, que “xurdiu co propósito de dinamizar esta zona do concello e poñer en valor as producións locais e que se consolidou como unha feira de referencia para o sector”. E subliñou “a importancia de continuar impulsando o recoñecemento da calidade das producións con iniciativas como a Marca Muras”, un marca colectiva promovida polo Concello para identificar, diferenciar e promocionar os produtos propios.

O deputado provincial de Rural, Daniel García, reafirmou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a iniciativas que apostan pola produción de alimentos de proximidade e a diversificación produtiva no sector primario, neste caso, unha actividade como a apicultura que xera rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúe ao mantemento do medio natural”.