Acisa Ribadeo pon en marcha a campaña "Pensando en ti". Trátase dunha nova iniciativa para a promoción de Ribadeo como destio de compras e de ocio.

Acisa Ribadeo pon dende hoxe en marcha unha nova campaña de promoción de Ribadeo, como o mellor destino de compras e de ocio.  Ademais a asociación estrea unha nova imaxe corporativa.

Pensando en ti é o lema da nova campaña de promoción que Acisa Ribadeo inicia nesta xornada de luns para potenciar a imaxe de Ribadeo coma un destino excepcional de vacacións, ocio e compras.  

O presidente da patronal ribadense, Francisco Iriarte, indicou que “co comezo da nova normalidade en Galicia e coa previsible apertura da fronteira con Asturias o luns que ven, pensamos que xa era o momento de reactivar a nosa labor potenciando a imaxe de Ribadeo, para recordarlle os nosos veciños e veciñas que seguimos estando aquí, pensando neles e esperándoos, cos mellores produtos e servizos, o mellor prezo e cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene”. E engade “estas semanas de desescalada podemos dicir que nos serviron de adestramento para adaptarnos ás novas normas e hoxe todo o empresariado tanto de comercio como de hostalaría está a prestar os seus servizos de forma totalmente segura para os nosos clientes”.

Pola súa banda o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, explicou que “esta campaña comeza hoxe e aínda que terá maior intensidade nas primeiras semanas non rematará ata setembro. Estará presente en toda Galicia e Asturias utilizando diferentes medios e formatos. Queremos que o nome de Ribadeo soe e se vexa durante todo o verán en ambas comunidades”.

Iriarte subliñou que “a campaña pretende reforzar a imaxe turística da vila, dando conta de todo o que se pode facer en Ribadeo durante o verán como mercar, comer, cear, vir de vacacións, vir de ponte, vir de fin de semana ...”.

Cambio de imaxe corporativa
Acisa Ribadeo ven de renovar a súa imaxe, con novos logotipos e imaxes corporativas. Pérez Prada sinalou que “se trata dunha renovación que levabamos tempo querendo facer, e tras este período de parón forzado cremos que podía ser o momento adecuado, a modo de reinicio coma se empezásemos de cero, dunha forma global. O novo logotipo, conserva a esencia do anterior, tanto a chave de Ribadeo, símbolo de Acisa dende os seus inicios, coma a bandeira de Galicia, pero dándolle un aspecto mais moderno. Tamén se sacou o nome do interior do logo, para facelo mais visible e  deseñamos unha tipografía diferente, para deste xeito facer mais visible o nome de Ribadeo nas campañas que fagamos e que veciños e visitantes identifiquen mellor as nosas actividades coa nosa vila”.

O xerente de Acisa engade que “esta renovación da imaxe é o primeiro paso de toda unha serie de cambios que, se non hai novidade, se farán ao longo do ano, dentro dun proxecto integral de renovación e modernización de Acisa”.