Acisa Ribadeo renova a súa imaxe e edita tamén 7.000 novos rueiros para repartir en xuño en hoteis, na Oficina de Turismo e na praia das Catedrais, entre outros lugares.

Acisa está a actualizar o seu mapa de asociados e a renovar as súas marquesiñas publicitarias, o seu rueiro e a súa imaxe, co obxectivo de potenciar as compras no comercio local. 

Desde a directiva de Acisa explican que “debido ao número de novas incorporacións que se produciron nos últimos meses, estase a proceder a actualizar os mapas de asociados en todas as nosas marquesiñas, co fin de facilitar a residentes e visitantes información sobre os nosos establecementos, a situalos e a coñecer a todos e cada un dos socios que conforman esta asociación”.

As marquesiñas que se renovan son as situadas na rúa Reinante, na Praza de Abastos, no porto deportivo, no aparcadoiro municipal e no Parque San Francisco, xunto coa traseira do mupi dixital instalado hai pouco tempo na avenida Rosalía de Castro. 

En Acisa consideran que “esta iniciativa beneficiará positivamente aos nosos asociados e asociadas, debido a que é unha forma de dalos a coñecer e promocionalos. Ao igual que xa fixemos durante a Semana Santa agora imos editar 7.000 novos rueiros actualizados para repartir a principios do vindeiro mes de xuño co obxectivo de que estean dispoñibles durante todo o verán en hoteis, na Oficina de Turismo, na praia das Catedrais, no porto deportivo e tamén nos locais dos socios que estean interesados en contar con eles para que todo visitante poida localizar á perfección a cada un dos socios, segundo o sector e o servizo que ofrecen”.

Estas dúas iniciativas son a segunda parte do proxecto de promoción deseñado pola asociación a comezos deste 2017, que se iniciaba coa instalación do mupi dixital e a edición dos primeiros 3.000 rueiros. Acisa busca ir máis aló de programar campañas comerciais e eventos, buscando diversas formas de dar a coñecer e publicitar aos seus asociados e subliña “a inversión que estamos a realizar para mellorar os servizos que prestamos aos nosos asociados e asociadas, e agardamos que tanto eles como a súa clientela vexan estas iniciativas como algo positivo para os negocios ribadenses”.

Acisa renovará tamén a súa imaxe corporativa: “en datas próximas contaremos cunha carpa de 8x4 metros que se destinará á realización de diversos eventos. Terá unha imaxe moderna e servirá como punto de referencia publicitaria para a asociación e estará ao servizo d@s soci@s. Tamén mercaremos unhas bandeirolas e un roll-up, cunha imaxe moderna e diferente, que busca potenciar a presenza da asociación na rúa e que serva como referencia publicitaria das actividades e eventos que desde a asociación realizan”.