
Para Mamá con ACISA é a campaña que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo desenvolverá do 23 de abril ao 5 de maio. Acisa sorteará tres premios: dúas visitas guiadas a Bodegas Docampo, en Ribadavia, para dúas persoas con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo, e un conxunto de colar e pendentes, creación de Mon Castro para Terra Branca.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anunciou: “presentamos unha nova edición da campaña do Día da Nai na que imos sortear dúas visitas guiadas a Bodegas Docampo, en Ribadavia, para dúas persoas con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo, e un conxunto de colar e pendentes, creación de Mon Castro para Terra Branca. Queremos que as persoas afortunadas celebren dun xeito especial o Día da Nai”.
Cruzado Iglesias subliñou que “para agasallar nesta data xa saben que poden atopar todo o que precisan nos negocios de Ribadeo, que agardan contar coa súa fidelidade unha vez máis. Para sorprender ás mamás na nosa vila temos de todo, xunto a un trato personalizado e próximo e tamén asesoramento. E na hostalería local poderán celebralo en familia como se merece”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a campaña desenvolverase do 23 de abril ao 5 de maio no comercio asociado a Acisa Ribadeo. As persoas que durante este período de tempo realicen as súas compras poderán cubrir as papeletas para entrar no sorteo do Día da Nai. Vanse repartir 10.000 papeletas nesta campaña, 1.000 máis que o ano pasado. E debemos recordar que esta é a primeira campaña na que tamén na Praza de Abastos se poderán solicitar as rifas para o sorteo, que será non presencial e terá lugar o día 7 de maio nas instalacións de Acisa, entre todas as rifas cubertas polos clientes que mercaran no comercio asociado nestes días e os gañadores serán informados por teléfono do premio que lles correspondeu”.
Pérez Prada anima “á nosa veciñanza a celebrar este importante dia. A nosa hostalería conta cunha ampla oferta e con pratos moi orixinais e saborosos para desfrutar destas datas en familia. Ademais trátase dunha ponte festiva, xa que o dia 1 de maio, venres, é festivo, e eses días Ribadeo recibirá a visita de moitas persoas, como ven sendo habitual”.
A presidenta de Acisa agradeceu o apoio das empresas colaboradoras: “grazas a Bodegas Docampo e a Terra Branca, que nos doan estes importantes premios para a campaña do Día da Nai de Acisa, que as persoas afortunadas poderán desfrutar segundo as condicións marcadas por cada establecemento”.
A campaña do Día da Nai, organizada por Acisa coa colaboración da Xunta de Galicia, foi presentada pola presidenta e polo xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, que estiveron acompañados polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén; polo alcalde ribadense, Dani Vega, e pola concelleira de Comercio, Marta Saiz.


