Acisa Ribadeo únese á campaña Días Azuis da Federación Galega de Comercio, que se desenvolve ata o 25 de xuño. Na cita participan preto de 100 negocios locais.

Acisa Ribadeo únese á campaña Días Azuis da Federación Galega de Comercio e da Xunta de Galicia, na que se sortearán 12.000 euros premios repartidos en 24 tarxetas de 250 euros e en 40 de 150 euros cada unha. 

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “desde Acisa queremos unirnos a esta campaña de dinamización comercial, que servirá para complementar a nosa propia axenda de actividades durante este mes de xuño, grazas ao sorteo de 12.000 euros en tarxetas de 150 e 250 euros. É importante destacar neste sentido, que esta campaña únese á do Rasca e Gaña, que ten en marcha a  nosa asociación desde hai semanas e  na que puxemos 15.000 premios en xogo”.

Pérez Prada contou que “o funcionamento da campaña dos Días Azuis é sinxelo, como todos os anos. O cliente rexistra a súa compra na web www.diasazuis.com, a través de móbil, tablet, pc…, ou lle poden axudar no propio establecemento a través da web www.diasazuis.com/comercios e desta forma o cliente terá dobre posibilidade de participar. É moi importante que o cliente garde ou fotografíe o tícket de compra. A través de Acisa  case 100 negocios de Ribadeo participan nesta campaña comercial, que comezou onte 5 de xuño e que finalizará o 25 deste mes. Nesta campaña vanse sortear 24 tarxetas de 250 euros e 40 tarxetas de 150 euros”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “esta é unha oportunidade moi interesante para os nosos clientes, xa que polas compras realizadas no comercio asociado a Acisa Ribadeo, poden optar a estes interesantes premios, e ademais poden utilizar os miles de premios que de seguro lles tocaron xa co noso Rasca e Gaña. Neste sentido gustaríanos recordar que o Rasca e Gaña segue en marcha ata o dia 23 de xuño. Sabemos que nalgúns locais aínda segue habendo rascas para solicitar polas compras feitas neles, pero agora chega o momentos de utilizalos antes de que finalice a campaña, e poder desfrutar dese desconto ou promoción tan interesante de cara á temporada de verán. Aínda quedan premios por repartir e como dixemos hai semanas, cando presentamos esta campaña, gustaríanos entregar os 15.000 premios que se puxeron en xogo”.

Cruzado Iglesias engadiu que “estas actividades estanse a compaxinar tamén coas vésperas e antevésperas do Ribadeo Indiano que onte daba comezo cun obradoiro de coctelería, e que son un aperitivo dos pratos fortes dos que xa en menos dun mes poderemos desfrutar”.