A agrupación cultural Francisco Lanza organiza en Ribadeo actividades en homenaxe ao pintor Xusto Moreda do 16 ao 30 de setembro.

A agrupación cultural ribadense Francisco Lanza organiza unha exposición e outras actividades en homenaxe ao pintor Xusto Moreda en Ribadeo do 16 ao 30 de setembro.

Con esta exposición a Agrupación Cultural Francisco Lanza, contando co constante asesoramento de Nicolás Fernández García, coñecedor da súa obra e depositario da mesma, “quere render homenaxe a un ilustre ribadense poñendo a súa obra ao alcance das súas veciñas e veciños, dos seus amigos e amigas que, de seguro, teñen percorrido con el os camiños das parroquias lindantes coa vila, as rúas de Ribadeo e as diferentes etapas da vida que foron corando o mundo de Xusto Moreda que despois se viu reflectido na súa obra. Esta exposición é posíbel grazas a colaboración do Concello de Ribadeo, a través da súa área de Cultura, así como da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo”

A mostra estará aberta ao público na sala de exposicións do parque de San Francisco en horario de seis a nove da tarde e será inaugurada o sábado 16 ás 19 horas. Unha hora despois terá lugar no Teatro de Ribadeo un recital poético no que participarán Ánxeles Penas, Manuel Lourenzo, Marica Campo, Toni Deaño, Miguel Mato Fondo, Xavier R. Baixeras, Miguel Anxo Fernán-Vello e Eva Veiga)

O sábado 23 ás 20:00 horas no salón de actos da Casa do Mar haberá unha mesa redonda sobre a obra de Xusto Moreda, na que participarán Celia Castro, Francisco Díaz-Fierros e Myriam Goluboff, moderados por Pablo Villapol.

E o acto de clausura das actividades será o sábado 30 ás 20:00 horas na sala de exposicións do parque de San Francisco, onde Toni Deaño recitará poemas de despedida e haberá unha actuación musical a cargo de Eiros&Varela.

Xusto Moreda Pérez foi un pintor e escultor nado en Ribadeo o 25 de novembro de 1935. O seu pasamento tivo lugar o 30 de xullo de 2022 en Ribadeo.

Fillo de Justo Moreda Díaz e Pura Pérez Salvatierra, pasou a súa infancia e primeira xuventude en Ribadeo, lugar moi presente na súa obra, protagonizando moitos dos seus cadros.

Ós 17 anos comezou a pintar, e un ano despois deu comezo aos estudos preparatorios para Medicina en Santiago de Compostela. Abandonounos para dedicarse de cheo á súa vocación artística e, ante a oposición paterna, viuse na obriga de abandonar Ribadeo. Estableceuse na Coruña, e alí comezou a traballar para manterse e poder continuar así coa súa paixón, a pintura. Nesa cidade coñece a Lourdes Dans, con quen acabará casando. Lourdes Dans ensinaríalle a traballar a cerámica, e o esmalte de xoiería, actividades plásticas que Moreda abandona tras a morte da súa dona. Tras esta etapa abre, con Nicolás Fernández García, unha galería de arte na cidade.

Foi moi coñecido nos círculos culturais galegos. A súa obra artística, na que destaca a pictórica, refírese con preferencia ao surrealismo, o cubismo e, en particular, o fauvismo.
Nas décadas de 1980 e 90 desenvolve unha grande produción artística. A esta época pertencen os seus retratos, de xeito predominante femininos, asimétricos, coloridos e cheos de paixón. A contraste de cores foi unha constante na súa obra. A súa etapa de pintura de paisaxes, moitos deles de Ribadeo, ten unha clara influencia fauvista.

Moitos escritores interpretaron as súas pinturas: de Manuel Lourenzo a Antón Avilés de Taramancos, pasando por Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Rodríguez Baixeras ou García-Bodaño, entre outros.