A agrupación cultural Francisco Lanza organiza unha charla-coloquio sobre o nome da Ría de Ribadeo. Será o 17 de novembro na Casa do Viejo Pancho.

Os organizadores sinalan que “despois do éxito da anterior charla sobre a situación política internacional, a Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza un novo acto para abordarmos a defensa do noso patrimonio toponímico realizando unha charla-coloquio sobre o nome da Ría de Ribadeo. Será este xoves, 17 de novembro, ás 20,00 horas, na Casa do Viejo Pancho. Participarán, Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e o noso compañeiro da Agrupación, que tanto ten colaborado connosco en distintas actividades, Francisco Campos Dorado, mariño mercante xubilado, e estudoso do noso patrimonio”.

Desde Francisco Lanza engaden que “en paralelo, o Concello de Ribadeo organiza unha exposición sobre documentación que acredita na tradición do nome da Ría de Ribadeo, durante a semana do xoves 17 ao xoves 24. Dita exposición poderá ser visitada o xoves 17 de novembro na Sala de Exposicións da Casa do Viejo Pancho, aínda que posteriormente seguirá noutras dependencias municipais”.