Apaga presentará en Ribadeo o 19 de xuño o material didáctico do proxecto Erasmus + "Un paso adelante".

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga) presentará en Ribadeo o vindeiro sábado, día 19 de xuño, o material didáctico elaborado no proxecto Erasmus+ titulado Un paso adelante, que levou a cabo en coordinación e coa participación de varios países europeos. Esas unidades abordan temas como o combustible, o vehículo eléctrico ou a condución autónoma. 

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou que “continuando coa serie de actividades que estamos facendo a través dos proxectos Erasmus+, o que leva máis tempo en activo é o titulado Un paso adelante, coordinado por unha entidade parecida á nosa de Eslovaquia e coa participación dun centro finlandés, outro de Chequia e outro de Eslovaquia. E este proxecto xa está a piques de rematar. No acto que imos celebrar, este sábado, 19 de xuño, ás once da mañá no local de Apaga, en Vilar nº7, vaise facer a presentación de todos os materiais que se elaboraron e que xiran, sobre todo, arredor do tema do combustible, do vehículo eléctrico e da condución autónoma, é dicir, toda unha serie de novas tecnoloxías que están hoxe en día entrando no sector dos vehículos. Vanse presentar unhas unidades didácticas para traballar o profesor e tamén o alumnado, teñen esas dúas vertentes de traballo. Cada temática vai ter as súas dúas unidades”.

Doural subliñou que “con iso se pretende dar a coñecer o traballo realizado durante estes anos e que despois vai estar na páxina web de Apaga a disposición de calquera que queira utilizalo, tanto profesores como público xeral. A presentación non é só para profesores, mándase invitación a todos os socios e ao sector do automóbil na zona, só que hai un aforo limitado para trinta persoas. O acto vai durar dúas horas aproximadamente e ao remate tomaremos un viño galego e haberá unha degustación de produtos da terra”.

O presidente de Apaga engadiu que “este proxecto naceu no 2017 pero, por razóns do covid, ampliouse un ano máis. É dos proxectos máis antigos que temos nós funcionando neste momento. Creo que cuns bos resultados e uns materiais que se poden utilizar para todos os niveis da Formación Profesional ou para outro tipo de formación como a continua ou para xente desempregada. Vai estar a disposición de todo quen queira utilizalo. Está tamén en inglés e nos idiomas dos países participantes. Na web vaise poñer unha copia en inglés e outra en español”.