Aprázase ao 16 de agosto a primeira cita coa astronomía deste verán en Ribadeo, por mor do mal tempo previsto para o 13.

O Concello de Ribadeo colabora na organización dunha nova actividade de astronomía, como ven sendo xa habitual nos veráns ribadenses. Este ano leva por título Congreso público. A Astronomía nas Rutas Xacobeas.

A primeira observación, que estaba prevista para o día 13, queda aprazada para o vindeiro domingo, 16 de agosto, “xa que a previsión meteorolóxica para o xoves é mala”, segundo explican desde o Concello. 

Esta nova cita coa astronomía, aberta a todos os públicos, consistirá nunha charla no Cine Teatro e unha posterior observación na Praza de España os días 16 e 24 de agosto. O día 16 a charla terá lugar as 21:00 horas e a observación as 22:00 horas, mentres que o 24 de agosto a charla será as 20:30 horas e as 21:30 terá lugar a observación. 

Desde o Concello lembran que “por mor do covid o aforo estará limitado a 50 persoas cada día, polo que os interesados deberán de contactar coa Área de Medio Ambiente para apuntarse, ben chamando ao teléfono 982 12 07 01 ou no correo sostibilidade@ribadeo.org. Ademais, será obrigatorio cumprir coas medidas sanitarias vixentes no momento da actividade”. 

Congreso Público. A Astronomía nas Rutas Xacobeas está organizado pola USC, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Turismo de Galicia, Xacobeo 21 e Concello de Ribadeo.