A Área de Turismo barreirense propón un novo percorrido turístico-cultural autoguiado pola parroquia de San Cosme. Chámase "O Barreiros dos nosos antergos".

A Área de Turismo do Concello de Barreiros deseñou un novo percorrido turístico-cultural autoguiado pola parroquia de San Cosme chamado “O Barreiros dos nosos antergos”, en castelán “El Barreiros de antaño”. 

Durante este percorrido, deseñado a modo de visita guiada, expoñerase o vínculo entre o patrimonio etnográfico máis propio de Galicia e o posterior legado daqueles que emprenderon a aventura de facer as Américas. Compleméntase con descricións audio guiadas e relatos sobre a nosa historia.

Como puntos de interese inclúe casas indianas, patrimonio etnográfico, capelas e casas labregas. Sae da Oficina de Turismo e percorre os núcleos de San Cosme, Vilar, Áspera, Viladaíde, San Bartolo e Remior; retornando de novo a San Cosme.

Conta cunha lonxitude aproximada de 10Km e pódese facer a pé, en bicicleta ou en coche, opción menos recomendable xa que se debe ter en conta que nalgúns puntos de interese non hai espazo para estacionar xusto ao carón do recurso.

Para seguir o percorrido tan só é preciso entrar na web https://www.concellodebarreiros.gal e acceder ao apartado de Sendeirismo que atoparán na sección “Turismo”. Dende alí pódese acceder a Google Maps ou a APP Wikiloc para facer o itinerario a través da tecnoloxía GPS utilizando un teléfono móbil ou unha tableta.

Desta forma, calquera persoa pode facer esta visita audio guiada en calquera momento, ao seu ritmo, e coñecer así, un pouquiño máis de preto, parte da nosa historia e patrimonio.

Vaian dende aquí os nosos agradecementos a tódalas persoas que colaboraron desinteresadamente aportando información histórico-artística sobre os elementos patrimoniais de Barreiros.

Promoción turística:
Neste eido, co fin de modernizar a imaxe turística de Barreiros e adaptarnos ás novas tendencias de viaxe trala irrupción da Covid, creáronse novos logotipo e lema turísticos: “Barreiros queda en ti”. 

O logotipo consiste nunha B simulando un corazón no que están representadas as ondas do mar, as praias e o interior do municipio a través da cor verde. 

Co lema preténdese transmitir unha imaxe de proximidade co viaxeiro/a, hospitalidade e experiencias turísticas en contacto coa natureza e a esencia do destino. 

Recentemente tamén se puxeron en marcha novas contas de Facebook e Instagram co nome de “Barreiros Turismo” para a promoción e divulgación dos recursos turísticos do concello.