A asociación Nordés organiza un vídeo faladoiro o 6 de xuño. Titúlase "O que nos contan as rochas" e será pronunciada por Belén Pérez.

A Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora Nordés organiza un vídeo faladoiro, titulado O que nos contan as rochas este sábado, 6 de xuño, ás 20:00 horas.

A conferencia será ofrecida por Belén Pérez Pérez, licenciada en Bioloxía e profesora desta especialidade e de Xeoloxía no IES María Sarmiento de Viveiro.

Este achegamento permitirá distinguir unhas rochas doutras, saber onde e como se formaron, e finalmente interpretar a historia xeolóxica do noso territorio. Nalgúns lugares, o relevo e as rochas que o forman, son uns dos elementos máis importantes na configuración da paisaxe. Así acontece en puntos como Cabo Ortegal ou Estaca de Bares, a praia das Catedrais ou de San Román, e en enclaves tan visitados como o Fuciño do Porco ou o Picón.

Pode seguirse este videofaladoiro por Jitsi Meet onde se pode interactuar directamente coa relatora e o resto de persoas participantes previa anotación en asociacion.nordes@gmail.com ou no teléfono 620 417 848. É preciso inscribirse antes do venres, 5 de xuño, ás 14:00 horas. Tamén pode seguirse a charla a través da canle de Youtube en directo ou diferido. No momento da anotación os participantes recibirán un enlace para seguir a conferencia. Ademais o venres 5 ás 19:00 horas farase unha proba de conexión no Jitsi Meet para resolver posibles problemas de uso ou dúbidas.