Ata o 26 de xaneiro está aberta no Cenima, en Foz, unha exposición sobre áreas mariñas protexidas da UNED.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a directora provincial da UNED, Ana Belén Traseira, visitaron esta mañá a exposición sobre áreas mariñas protexidas que está aberta ao público no Cenima ata o día 26 de este mes. Ao acto asistiron tamén o concelleiro de Cultura e Educación focense, Héctor Moris, e a coordinadora da Aula Universitaria de Foz, Fuensanta Otero.

O rexedor municipal focense agradeceu á UNED “que trouxera esta exposición. A colaboración co Concello é moi próxima sempre pois aparte da oferta universitaria sempre organiza cursos e agora, dentro da Axenda 2030 e dese desenvolvemento sostible que debemos ter, esta mostra das áreas mariñas protexidas. Que mellor sitio que o Cenima, aquí en Foz, que abarca non só este concello senón a toda A Mariña”.

Fran Cajoto engadiu: “estamos vendo o mar e a ría de Foz, que temos que protexela e coidar os nosos recursos, dando pinceladas do que pretendemos ser nun futuro, do que queremos deixar aos nosos fillos e fillas. Anímovos a que veñades ao Cenima e desfrutedes desta exposición”.

A directora da UNED lucense explicou que está exposición “forma parte do proxecto Naturalmente, que é unha iniciativa de divulgación para dar a coñecer a Axenda 2030 e os obxectivos de desenvolvemento sostible. Neste caso estamos traballando o obxectivo 14, vida submarina, e ao longo de diversas actividades en colaboración co Concello trataremos de seguir estendendo esta axenda e dándoa a coñecer”.

Ana Belén Traseira salientou que “esta cooperación entre o Concello e a UNED pode servir como modelo para outros concellos da provincia neste traballo a prol deste obxectivo de interese xeral”.