Ata o 30 de maio pódese visitar en Ribadeo a exposición "A Bretaña que hai en Nós", centrada nunha das producións sobre arte máis emblemáticas de Castelao.

A Bretaña que hai en Nós (As cruces de pedra na Bretaña, de Castelao) é o título da mostra que se pode visitar na Sala de Turismo de Ribadeo ata o vindeiro 30 de maio. 

A asociación de irmandade Ribadeo - Loctudy convída a coñecer esta exposición de marcado carácter divulgativo, centrada nunha das producións sobre arte máis emblemáticas de Castelao.

En 1929 Daniel Castelao e Virxinia Pereira viaxan a Bretaña e durante catro meses percorren a vella Armórica. Alí, Castelao establece contacto con intelectuais bretóns de diversas áreas e variado signo político, interesándose por todos os aspectos da cultura e das xentes do país celta, que sinte como irmán. Desta viaxe nace a obra de Castelao publicada en 1930 polo Seminario de Estudos Galegos, estudo histórico e descritivo dos cruceiros na Bretaña e como documentación previa para outro traballo similar que estaba preparando sobre os cruceiros galegos, As cruces de pedra na Galiza.

A exposición naceu como unha iniciativa da Asociación Cultural Vagalumes, diante da situación de emerxencia que sofre o noso patrimonio, emprendendo unha campaña de difusión e valoración dos nosos bens. Deste xeito, o pasado 26 de novembro de 2021, presentouse este proxecto na Estrada, nun acto público, concretado naquela altura, nos cruceiros da localidade pontevedresa. Agora, a exposición dá o salto até Ribadeo.

A inauguración tivo lugar o pasado venres, 13 de maio. Contou coa participación de Ugía Pedreira e Pierre Ives Rougier.

Organizan a mostra: Galiza Cultura, asociación cultural Vagalumes, asociación de irmandade Ribadeo – Loctudy e Concello de Ribadeo.