Ata o 4 de setembro pódese visitar na rúa San Roque, de Ribadeo, a exposición "Os nosos océanos", de Afundación.

Ata o 4 de setembro pódese visitar na rúa San Roque, de Ribadeo, a exposición Os nosos océanos, de Afundación. A mostra foi inaugurada este mediodía. Ao acto asistiron as concelleiras de Cultura e Servizos Sociais, Pilar Otero e Mónica Freire, xunto ao alcalde en funcións, Pablo Vizoso, así como a responsable de Relacións Institucionais en Ourense e Lugo de Afundación, Obra Social de Abanca, Beatriz Fernández, e representantes da entidade bancaria en Ribadeo e na Mariña. 

O rexedor declarou: “estamos moi agradecidos á obra social de Abanca por traer esta exposición fotográfica de carácter itinerante, que vai estar dispoñible ata o 4 de setembro para o disfrute de todos os ribadenses e de todas as persoas que teñan a ben visitarnos. É unha mostra que trata sobre a riqueza mariña, sobre a conservación dos nosos mares e océanos e que mostra moi ben a enorme biodiversidade e riqueza como fonte de vida que ten o medio mariño para toda a humanidade e para todo o planeta”.

Pablo Vizoso subliñou que “esta é a primeira vez que se sitúa unha exposición deste tipo na rúa San Roque e é interesante darse unha volta por esta zona para todos os de Ribadeo e os de fóra porque, aparte de poder pasear por este entorno, é recomendable facer unha parada para informarse e disfrutar desta mostra”. 

Desde Afundación Beatriz Fernández indicou que “unha das liñas estratéxicas de Afundación é esta: a sustentabilidade e o coidado do medio ambiente. E neste sentido facemos este tipo de exposicións ao longo de Galicia, que sacamos por todas as vilas para que a xente poida velas e non se meta a arte simplemente nun espazo pechado senón que se poida abrir a toda a cidadanía”. 

E engadiu: “dar as grazas ao Concello porque sen eles non conseguiríamos levar este tipo de exposicións. E, por suposto, a Abanca porque é o noso socio estratéxico e pon tamén en valor as mesmas liñas que temos en Afundación”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura manifestou: “desde o Concello estamos moi agradecidos de que Afundación contara con nós e nos trouxera esta exposición tan bonita que pode ver todo o mundo. É marabilloso que se poida achegar a cultura á rúa e que poidamos apreciala todos. Invitamos a todos os que veñan a Ribadeo e todos e todas as ribadenses a que acudan á rúa de San Roque para disfrutar destas marabillosas fotografías e as súas explicacións”.