Ata o 5 de xaneiro pódese visitar na Oficina de Turismo ribadense a exposición "Ría de Ribadeo". Está composta por planos e cartas náuticas dos anos 1662 ao 1932.

Ata o 5 de xaneiro pódese visitar na Oficina de Turismo a exposición Ría de Ribadeo, que foi organizada polo obradoiro de emprego Vilas Coidadoras dentro da especialidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais.

A mostra está composta por trece planos e cartas náuticas da ría de Ribadeo, que van desde o ano 1662 ao 1932. Tamén se poden atopar aparellos de navegación cedidos polo mariñeiro xubilado Adolfo Conrado Álvarez Márquez, reproducións de instrumentos de cartografía antiga así como maquetas de barcos de época realizadas por Alfredo Sánchez. 

Ao acto de inauguración da exposición asistiron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Cultura e Turismo, Pilar Otero e Pablo Vizoso. O rexedor felicitou ao obradoiro de emprego polo traballo realizado. Desde o Concello animan a achegarse á Oficina de Turismo a ver esta exposición sobre a Ría de Ribadeo.