Cervo celebra unha fin de semana literaria con actividades arredor da lectura para os máis pequenos os días 22 e 23 de abril.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura, programa unha fin de semana literaria con diversas actividades que xirarán ao redor da lectura e a tradición oral.
Deste xeito, o sábado, 22 de abril terá lugar a actividade Bibliocanta, para nenos de entre 3 e 12 anos.

A cita será no salón de actos do Concello de Cervo ás 19:30 horas.

Trátase dunha actividade enmarcada no programa Ler Conta Moito, da rede de Bibliotecas de Galicia, que propón aos nenos e nenas unha fórmula divertida para que tomen contacto co cancioneiro tradicional galego, co obxectivo de recuperar e que non caian no esquecemento ditos, recitados e cancións, recuperándoos así como forma de lecer e expresión. 

A actividade será impartida por Chío Couto Rendo.

Ademais, o domingo 23 de abril, o Concello de Cervo celebra o Día do Libro cun obradoiro de marcapáxinas para os máis pequenos. Será a partir das 12:00 horas, na biblioteca municipal de Cervo.

Os nenos de entre 3 e 12 anos, poderán elaborar marcapáxinas de xeito artesanal e personalizados, que logo levarán para as súas casas. 

A maiores, o Concello convocou tamén un certame de narración e debuxo infantil con motivo do Día das Letras Galegas. 

Deste xeito, hoxe mesmo, fíxoselle entrega a cada un dos alumnos dos dous colexios do municipio, dun marcapáxinas, que contén as bases do concurso.

Un certame aberto a todos os nenos e nenas, que deberán presentar unha narración en galego ou un debuxo baixo as temática “o mundo que queremos”, centrada no coidado ao medio ambiente, na igualdade, no respecto, na saúde…

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 8 de maio. O fallo do xurado local farase público o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Os traballos premiados nesta primeira fase local participarán na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, baixo o patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que “estas actividades culturais están pensadas para inculcar o hábito da lectura nos máis pequenos e tamén para que tomen conciencia da riqueza e da importancia da tradición oral que ten tanto arraigo en toda Galicia e tamén no noso Concello”.