Cervo será escenario o 12 de maio do IX Campionato de Galicia e do I Interautonómico de Hihon Taijitsu.

O pavillón do CEIP Cervo nº1, de San Ciprián, acollerá o sábado 12 de maio, a partir das 17:00 horas, o IX Campionato de Galicia e o I Interautonómico de Nihón Taijitsu, disciplina de defensa persoal, que forma parte como modalidade asociada á Federación Galega de Kárate.

O evento foi presentado polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, polo edil de Deportes, José Ramón Soto, e por unha representación dos nenos e nenas que conforman a Escola de Artes Marciais de Cervo, de recente creación, e que xa supera a trintena de integrantes.

Neste campionato, ademais de coñecer aos campións de Galicia nas distintas modalidades e categorías, terá lugar a competición interautonómica entre as comunidades de Galicia e a de Castela e León. Na competición poderase ver a aplicación libre de técnicas de defensa persoal contra ataques a man baleira e ataques cun pau ou coitelo, así coma a modalidade de Katas, que realizarán todos os participantes. 

Os Artistas Marciais comprenderán idades desde os 4 anos ata a categoría Sénior. 

Asistirán os actuais campións de Galicia de Nihon TaiJitsu de todas as categorías, así como os campións do certame celebrado no Nadal, tamén en Cervo.

Villares, Soto, e o director técnico da modalidade de Nihon TaiJitsu da Federación Galega de Kárate, Miguel A. Rojo, destacan a colaboración continua de ambos entes para fomentar este Arte Marcial baseado na defensa persoal, e poñendo en valor este tipo de competicións que “permiten dar a coñecer esta disciplina ao gran público e contribúen a fomentar tamén o deporte base”.