Co sorteo que terá lugar o 15 de xullo no parque de San Francisco, en Ribadeo, rematará a campaña de fidelización que Acisa veu desenvolvendo desde maio.

Co sorteo que terá lugar o vindeiro sábado, 15 de xullo, no parque de San Francisco rematará a campaña de fidelización que Acisa veu desenvolvendo desde o pasado mes de maio. En total repartiranse 1.000 euros en vales de compra.

Os clientes do comercio e da hostalaría asociados están a recibir durante estas semanas por cada compra ou consumición unhas tarxetas seladas, que deben cubrir cos seus datos, e gardalas para acudir o día 15 de xullo ao sorteo presencial que terá lugar no parque de San Francisco. En xogo poranse 1.000 euros en vales de compra repartidos en 4 premios: un de 500 euros, un de 200 euros e dous de 150 euros cada un. 

O broche de ouro desta campaña de fidelización será este sábado, 15 de xullo. Ese día instalarase unha carpa no parque de San Francisco, onde se situará unha urna a partir das cinco da tarde para depositar as tarxetas que todos os clientes de Acisa teñen recibido e gardado ao longo dos dous últimos meses. E o sorteo presencial dará comezo ás 21:30 horas. 

Desde Acisa lembran que “o obxectivo que perseguimos con esta campaña é o da fidelización da clientela do noso comercio e da nosa hostalaría aos que queremos premiar con este sorteo. Agardamos que teñan as tarxetas preparadas para levalas o sábado pola tarde á carpa e despois ás nove e media que estean presentes no sorteo”.