A compañía teatral Morraoconto representa en Viveiro a obra “Tromsø” este sábado, 11 de abril

A compañía teatral Morraoconto representará en Viveiro a obra titulada Tromsø este sábado, 11 de abril. Será ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.

Esta obra é unha comida para maiores de 16 anos cunha duración de 80 minutos. O autor é Rafa Martínez, que tamén a dirixe xunto a Esther Latorre, e o elenco artístico esta formado por Miguel Gendre, Lara Pouso, Lidia Veiga, Julia Ammerman e Lucía Iglesias.

A sinopse é a seguinte: “cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Un silencio que se aferra ao corazón apagando para sempre parte da súa luz. Tromsø é unha reflexión en clave de humor dende a perda. Sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias. É un canto á tristura pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordos e enormes cardumes de arenque, na procura de respostas nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal”.