Concello de Cervo e club Medela porán a punto as rutas de mountainbike do municipio. En total suman un percorrido de 20 quilómetros.

O Concello de Cervo colaborará co club Medela na posta a punto das diferentes rutas de mountainbike que discorren polo municipio; e que foron habilitadas no seu día polo propio club local.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, acompañados polos membros do Club David Riera e Víctor Riera; supervisaron a pé algúns dos tramos que suman un percorrido total duns vinte quilómetros para coñecer os trazados, e ver o estado no que se atopan a día de hoxe e, efectivamente, tal e como nos fixeron chegar dende o Club “son necesarios importantes traballos de roza e limpeza para poder practicar con garantías este deporte”, sinalou Villares.

Polo Concello de Cervo, transcorren tres tracks, que foron trazados no seu día polos membros do club Medela e bautizados como Secret trail, Farallones e Cambers; eles mesmos son os encargados do seu mantemento pero “pedíronnos axuda pola dificultade que entraña para eles, ao non disponer dos medios e maquinaria axeitada, e loxicamente, contarán coa colaboración do Concello, como tentamos colaborar sempre cos colectivos e asociacións que así o requiren na medida das nosas posibilidades; e mobilizaremos persoal municipal “para que a ruta estea en bo estado durante todo o ano, para que os amantes do MTB poidan desfrutar dela, pero tamén para fomentar a práctica deste deporte, da man duns traxectos coidados e adaptados, que son ao tempo un reclamo máis para o noso Concello e que permiten gozar dunha panorámica única do municipio”.

O Club Medela organiza cada mes de marzo a Ruta  de Enduro Medela MTB, duns 35 quilómetros en total e 1300 metros de desnivel acumulado, que cada ano atrae a máis participantes, superando a cifra dos 200 na pasada edición, que foi a oitava “pero a idea é que as rutas estean perfectamente transitables, non só para esa competición, senón durante todo o ano”.

Nos vindeiros días iremos facilitando a través das diferentes redes sociais e da páxina web unha completa información dos tramos de mountanbike que discorren polo Concello de Cervo, “co obxectivo de que todos aqueles amantes deste deporte poidan coñecer as rutas, ver o percorrido, para que se animen tamén a visitarnos”.

Villares destacou así mesmo o compromiso do Concello de Cervo co deporte no seu conxunto, co obxectivo de promovelo entre todas as persoas de todas as idades; animándoos a que practiquen diferentes deportes, coa liberdade de escoller aquel que máis lles guste, “porque é importante, sen dúbida ningunha, que Cervo se identifique como un Concello que aposta polo deporte, en todas as súas facetas”.