Concello e Acisa animan a veciñ@s e comerciantes a engalanar con flores e plantas balcóns e negocios con motivo do IV Ribadeo Indiano.

Achégase o IV Ribadeo Indiano e con ese motivo Acisa e Concello convidan á cidadanía a embelecer a vila adornando con flores ou plantas os seus balcóns ou fachadas. Acisa pide a colaboración dos seus asociados e o Concello engalanará algúns edificios públicos. O alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Turismo, Ana Martínez, o presidente de Acisa, David Martínez, e o xerente desta asociación, Jesús Pérez, presentaron a iniciativa esta mañá.  

O rexedor dixo: “aproveitando esta IV Edición do Ribadeo Indiano queremos convidar á cidadanía a embelecer o noso concello adornando con flores ou plantas os seus balcóns ou fachadas”.

Suárez Barcia sinalou que “o que pretendemos é poñer en valor os beneficios estéticos ambientais da recuperación dos balcóns e fachadas como elementos vivos da vila, porque detrás de cada balcón ornamentado existe unha contribución cidadá á mellora estética dunha rúa ou un edificio. E sobre todo, á mellora da relación veciño contorna urbana mediante unha persoal achega artística que podemos gozar todos e todas, tanto veciños/as como turistas”.

O alcalde ribadense manifestou: “queremos que este verán Ribadeo luza bonito, mostrando os encantos de pequenos recunchos que ás veces poden pasar desapercibidos. E co obxecto de promover a creatividade e fomentar a participación,animamos a colaborar neste embelecemento, tanto ás institucións públicas como privadas, asociacións de veciños, empresarios e todo propietario ou propietaria de vivenda con balcón ou edificio de calquera zona do concello, que reúna as condicións necesarias para ser decorado sen que iso supoña un perigo para a integridade do mesmo ou a dos viandantes”.

Fernando Suárez explicou que “os elementos utilizados para a ornamentación dos balcóns déixanse á libre elección dos veciños, pero sempre respectando os viarios, beirarrúas e entradas a vivendas doutros usuarios. Recomendamos que estea perfectamente ancorado calquera elemento colgado ou colocado sobre calquera estrutura que puidese precipitarse por efecto do vento, sen que a súa localización poña en risco a seguridade das persoas e cousas”.

E engadiu que “o Concello aportará o seu gran de area decorando ao longo destes días diversos edificios públicos como a Casa Consistorial ou o Teatro con ornamentación floral”.

Pola súa banda, o presidente de Acisa, David Martínez, comentou que “queremos engalanar as rúas, as casas… dunha maneira especial. As plantas de tempada daranlle un toque especial a Ribadeo. É fácil conseguir ornamentación relacionada coa época indiana e pensamos que quedaría moi ben que as casas e os negocios quedasen todos engalanados”.

Martínez pídelles “aos socios e socias de Acisa que engalen os seus negocios, comercios, hoteis, tendas, etc… quedaría todo moi bonito e moi orixinal para reforzar xa a forza e o poder que ten esta festa. E para darlle máis colorido a unha cita, que xa o ten, pero as flores e as plantas e a ornamentación daranlle un toque especial a maiores”. E lembrou que “Acisa contribuirá a engalar Ribadeo entregándolle decoración indiana aos seus asociados, de xeito totalmente gratuíto. Refírome a bandeirolas e faroliños e este ano tamén incluimos, por primeira vez follas de palmeiras”.

O presidente de Acisa pensa que o IV Ribadeo Indiano “vai ser unha festa multitudinaria, xa o foi cada ano, pero neste 2017 aínda o será máis”.

A conta atrás para o Ribadeo Indiano comezou xa. Só quedan 15 días para que a vila retorne do 7 ao 9 de xullo a aquela época.