Corenta nenas e nenos participarán este verán no minicampamento "Á conquista de Foz".

Corenta nenos e nenas con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos desfrutarán este verán do minicampamento A Conquista de Foz II, no marco da campaña de verán que ofrece á mocidade a Consellería de Política Social.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos 20 nenos e nenas que participan na primeira quenda da actividade, que comezou o pasado luns e remata mañá. O minicampamento desenvolverase de novo do 23 ao 27 de agosto. 

Os rapaces desfrutan de actividades de deporte e aventura en contacto coa natureza, como sendeirismo, xincanas, orientación, busca do tesouro, xogos na praia, obradoiros medioambientais ou teatro. Tamén coñecerán unha mostra do patrimonio cultural de Foz cunha ruta polo Castro de Fazouro. 

Arias explicou que o Goberno galego organiza por segundo ano os minicampamentos Coñece Galicia, que teñen a particularidade de que son estadías rápidas de cinco días de duración con aloxamento en establecementos hoteleiros. 

Deste xeito, subliñou, a Xunta “pon á disposición das familias un recurso de conciliación e ofrece á mocidade un tempo de lecer activo”, ao tempo que “axuda a dinamizar a actividade do sector do turismo, un dos máis prexudicados pola pandemia”. 

Tamén destacou o éxito desta iniciativa, que cubriu en dúas semanas as 600 prazas ofertadas no conxunto da Comunidade. Ademais do minicampamento de Foz, a provincia de Lugo acolle outros catro: Eco-verán en Monforte II, Aventura na Montaña II (Cervantes), A Descuberta da Pobra do Brollón e Xeocampamento nas Montañas do Courel (Folgoso do Courel). En total ofertan 180 prazas en varias quendas (20 por quenda).

As prazas nos minicampamentos súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que se desenvolven en Galicia dentro da programación da campaña da Xunta O verán que mereces, que chega en 2021 a máis de 7.800 beneficiarios. En todos eles estanse a manter as medidas de protección fronte á covid-19 postas en marcha o ano pasado, que inclúen a redución do aforo, a incorporación escalonada das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor e o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.