Do 12 ao 14 de outubro haberá en Burela monicreques, un novo rastrillo solidario e tamén sesión de cine infantil.

Burela será escenario a vindeira fin de semana dunha actuación de monicreques, dunha nova edición do rastrillo solidario e dunha sesión de cine infantil.

O venres, 12 de outubro, actuará en Burela a compañía de monicreques Trompicallo co seu espectáculo infantil Planeta Ardora. Será ás 18:00 horas, na Casa da Cultura. O prezo da entrada é de 3 euros.

A idea orixinal e a dirección é de Marián González, e o elenco titiriteiro está composto pola propia Marián González, Sabela Amado Rojo e Luis González. A historia conta que houbo un día no que o planeta Ardora estivo cheo de luz e naquel momento podía considerarse un planeta feliz. Pero alguén comezou a estragar a auga-luz e con ela o resto da vida. Entón un verme, nun curruncho do planeta, é quen de devolver a esperanza e intentar salvar Ardora.

A programación da Concellería de Cultura de Burela para a vindeira fin de semana continuará o domingo, 14 de outubro, coa celebración dunha nova edición do rastro solidario de segunda man. Celebrarase na Praza da Mariña ou na antiga praza de abastos, en caso de inclemencias meteorolóxicas, en horario de 10:00 a 15:00 horas. O único requisito para participar é doar 1 quilo de alimentos non perecedoiros ao banco municipal de alimentos. Non se poderán vender nin intercambiar animais, armas, bebidas, alimentos, produtos químicos nin explosivos.

Tamén o domingo 14 de outubro, haberá unha nova sesión de cine infantil. Será no auditorio municipal, ás 18:30 horas.