Do 18 ao 22 de outubro en Ribadeo haberá cine, música e teatro. Ademais o Concello anima á lectura cunha lona colgada no Cine Teatro.

O Concello de Ribadeo programou para esta semana cine, música e teatro. Mañá, mércores 18 de outubro, dentro do Proxecto R, de Doce do Patíbulo, terá lugar a proxección de La familia Belier no Teatro ás 21:00 horas con entrada gratuíta. O sábado haberá un espectáculo de Paco Nogueiras para os máis pequenos na biblioteca El Viejo Pancho a partir das 17:30 horas. E o domingo teatro no Auditorio Municipal ás 20:30 horas con Mofa e Befa, que presenta Cráneos privilexiados…ou crítica da razón perralleira.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, contou que “volve de novo o Proxecto R a Ribadeo, organizado polo colectivo Doce do Patíbulo, de novo o cine de autor faise proxección no Teatro de Ribadeo. Este mércores, 18 de outubro, imos poder ver La familia Belier. Ademais debemos indicar que este Proxecto R é outra maneira de dar a coñecer a labor creativa das xentes de Ribadeo. Nesta ocasión o cartel deseñouno Mayca Nistal, deste xeito poderemos gozar do deseño de carteis, pero sobre todo das películas”. A cita será mañá ás 21 horas no Teatro con entrada gratuíta. 

O edil nacionalista seguiu a relatar que “xa para o sábado, 21 de outubro, con motivo da celebración do Día da Biblioteca imos ter unha actuación especial na biblioteca El Viejo Pancho. Dentro do programa Apego e incluído tamén no ciclo Ler conta moito, que organiza a Xunta de Galicia, o crack da música infanto xuvenil e de todas as idades Paco Nogueiras preséntanos o seu espectáculo musical Brinca vai. De aquí a acolá. Vai ser unha ocasión única para podernos entre todos, nenos e nenas, pais e nais, danzar ao son da música de Paco Nogueira, que desde logo marcha ten e o que caracteriza a súa música é ser música infantil, pero con ritmos modernos”. A actuación de Paco Nogueiras será ás 17:30 horas. 

Graña sinalou que “desde esta semana podemos contemplar unha lona que anima á lectura e a visitar a biblioteca El Viejo Pancho, ten por lema Cada folla, unha historia por ler. É certo que cada folla que cae no outono é como unha historia por ler, veu o outono cheo de literatura e é a ocasión de mostrarnos o noso amor polos libros e pola vida acudindo ás nosas bibliotecas. En Ribadeo está a biblioteca El viejo Pancho desde hai pouco máis de medio século chea de exemplares para ler e para gozar da literatura, da poesía e das artes. A nosa tradición lectora é máis que consumada, a biblioteca El Viejo Pancho ten un índice de socios alto e mesmo no verán as persoas que nos visitan saben que teñen aí un referente para poder ler e gozar do pracer da lectura”.

O concelleiro de Cultura rematou dicindo que “este domingo, como un dos pratos fortes da programación, temos ao dúo de humoristas Mofa e Befa coa súa obra Cráneos privilexiados… ou crítica da razón perralleira. Unha monumental reflexión filosófica en clave de humor que fará abanear ata ao pensador máis consolidado de toda a historia da filosofía, mentes críticas, conciencias críticas e momento de lecer para pasalo ben con Mofa e Befa este domingo no auditorio Hernán Naval”.