Do 3 ao 7 de xaneiro estará aberto o prazo de inscrición no programa de envellecemento activo, que organiza o Concello de Viveiro.

O Concello de Viveiro ten entre as súas prioridades o fomento dos hábitos de vida saudables entre os seus veciños e veciñas, por iso pon en marcha desde o 11 de xaneiro a segunda mensualidade do programa de envellecemento activo, con clases de ximnasia de mantemento gratuítas para maiores de 65 anos.

“Dentro deste obxectivo, queremos impulsar o envellecemento activo e para isto organizamos desde o concello unha actividade gratuíta de ximnasia de mantemento, dirixida a homes e mulleres a partir de 65 anos”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

Esta actividade, cunha duración inicial de dous meses, está a ter lugar os martes de 11:30 a 12:30 horas no pavillón municipal. As clases son impartidas por monitores profesionais.

O primeiro mes deste programa de ximnasia de mantemento para maiores de 65 anos comezou o 14 de decembro. A segunda mensualidade comezará o 11 de xaneiro de 2022, polo que se abre novamente o prazo de inscrición do 3 ao 7 de xaneiro de 2022. 

As persoas interesadas en participar deben anotarse, facilitando nome e apelidos e un número de teléfono de contacto, chamando ao teléfono 982.55.04.21.

Para esta segunda mensualidade ofértanse novamente un total de 20 prazas, sendo requisito necesario para participar estar empadroado/a no Concello de Viveiro e cubríndose as prazas por orde de inscrición.