Do 7 de abril ao 6 de maio poderase visitar no Cenima, en Foz, unha exposición en homenaxe a Quique Guerra, a quen se dedica a 7ª Semana das Artes Plásticas da Mariña.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou esta mañá na presentación da 7ª Semana das Artes Plásticas da Mariña Lucense, organizada polo colectivo Tá en Artes. No acto, celebrado na Sala de exposicións do Complexo Sargadelos de Cervo, presentáronse as distintas actividades que se realizarán nos vindeiros meses arredor de Quique Guerra, artista homenaxeado nesta edición, entre as que se atopan unha mostra antolóxica da súa obra, que se poderá ver neste mesmo espazo a partir do 1 de abril e unha exposición homenaxe coa participación de máis de  vinte  artistas, que se poderá visitar no Cenima de Foz desde o 7 de abril ata o 6 de maio.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo facilitará a participación do alumnado da comarcas nas actividades, financiando as viaxes dos grupos escolares ata o Cenima de Foz, onde poderán visitar a mostra e realizar diferentes obradoiros arredor das artes plásticas e das temáticas presentes na obra de Quique Guerra. 

Asi, a área de Cultura financiará desprazamentos de 30 grupos de alumnos e alumnas de once centros educativos: o IES Dionisio Gamallo (Ribadeo), de Alfoz (O Valadouro), Vilar Ponte (Viveiro), San Rosendo (Mondoñedo) e Marqués de Sargadelos (San Cibrao), o Centro Ocupacional de Viveiro (ASPANAE) e os CEIP de Cervo, de Nois (Foz), Santa Rita de Galdo (Viveiro), Pedro Caselles Rollán (Xove) e a EEI San Roque (Viveiro).

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, recoñeceu o traballo que desenvolve o colectivo Tá en Artes dando continuidade a “un proxecto consolidado no mundo das artes e da cultura e que cada ano filtra máis á sociedade xeral, cunha aposta decidida, na que colabora a Vicepresidencia, de involucrar tamén á comunidade educativa da Mariña” e  coincidiu coa organizacíon en sinalar a importancia de “achegar a arte e a cultura á poboación escolar,  posto que é neste período vital onde o alumnado conforma a súa personalidade e desenvolve as súas inquedanzas”. 

Nado en Mondoñedo e finado en Cervo no ano 2016, Quique Guerra foi un destacado artista pola súa obra escultórica e pictórica, que relaciona o natural coa historia dos obxectos. Foi quen de mesturar estas dúas disciplinas pasando do realismo á abstracción cunha coherencia de difícil encaixe, experimentando a través da verdade en todos os camiños escultóricos e pictóricos.