Do 8 ao 11 de abril celébrase en Foz a quinta edición das Xornadas Sentirmos a Arte, que organiza A Pomba do Arco.

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza a quinta edición das Xornadas Sentirmos a Arte que se celebrarán do 8 ao 11 de abril.

O programa dará comezo o luns, 8 de abril, coa conferencia A comuna do barruzo. Un proxecto musical e artístico, que ofrecerán Ugia Pedreira e Abel Pérez. A comuna do barruzo é un libro disco no que se recollen composicións musicadas por Ugia Pedreira e Pierrot Rougier sobre poemas de autores da comarca Eonaviega.

O martes, día 9, o artista plástico viveirense Xosé Luís Neira Brochs falará de O mural cerámico. Os murais cerámicos de Neira Brochs atópanse distribuídos pola práctica totalidade da xeografía peninsular formando un conxunto que destaca pola súa grandiosidade, expresividade e intensidade. É un dos poucos creadores lugueses vivos con obra exposta no museo Reina Sofía.

O mércores, 10 de abril, intervirá a pintora luguesa Sesé Santiso coa charla titulada O cotián revisado, que é o seu último traballo exposto recentemente no Museo Provincial de Lugo, e que pretende ser unha reivindicación do cotiá como instrumento ao servizo da memoria.

Rematarán as xornadas o xoves 11 coa conferencia Mais que ver. Cen historias do deseño en Galiza que ofrecerá Pepe Barro, que é un dos grandes referentes do deseño gráfico no espazo europeo, destacando como un dos pioneiros de banda deseñada en Galiza.

Todas as conferencias celebraranse no salón de actos do Cenima, a partires das 20:30 horas.