"Emigración. Cultura de partida, culturas de destino" é a proposta do Concello de Ribadeo do 9 ao 11 de xullo. Haberá cine e teatro na rúa.

Esta fin de semana haberá cine e teatro na rúa en Ribadeo. Trátase dunha proposta cultural denominada Emigración. Cultura de partida, culturas de destino, que foi presentada pola concelleira de Cultura, Pilar Otero. 

A edil ribadense explicou que “esta fin de semana temos unha proposta cultural co título Emigración. Cultura de partida, culturas de destino. Venres, sábado e domingo ás 22.30 horas no Teatro de Ribadeo botaremos unha ollada cinematográfica a tres países que foron obxecto de destino de migracións de galegos e galegas, por razóns económicas unhas delas ou formando parte do exército outras”.

Pilar Otero contou que “comezamos o venres con Cuba e  Guantanamera, unha película dirixida por Tomás Gutiérrez Alea e Juan Carlos Tubío, seguimos o sábado con  México e Roma, de Alfonso Cuarón e rematamos o domingo con Os últimos de Filipinas, de Salvador Calvo”.

A concelleira de Cultura sinalou que “cunha visión máis centrada en Galiza como punto de partida están as pezas de teatro de rúa que terán lugan o sábado de 20.30 a 22.00 horas (coas compañías Thelusers, La familia Trivilorio e Palazón) e o domingo de 12.00 a 13.30 horas con Teatro Social Nómada e Luar Sílex y El Último Cromañón). Trátase dun percorrido teatral por cinco puntos de Ribadeo, formando grupos de público guiados por ciceronas. Este proxecto teatral sae do maxín e do traballo do colectivo As Vacas Fracas e para participar é preciso reservar praza no seguinte correo electrónico:  asvacasfracas@gmail.com”.

Otero Cabarcos dixo que “a maiores temos dúas citas arredor de publicacións. O sábado ás 19.30 preséntase, promovido pola Concellaría de Turismo,  o fotolibro de Iván Torres Hernández Espazos de ultramar e inaugúrase a exposición vinculada a el  De ida e volta. Todo isto na oficina de Turismo”.

E engadiu: “por outra banda, recuperamos como espazo para a presentación de libros o primeiro andar da casa do Viejo Pancho, sede ademais da Concellaría de Cultura. Tamén o sábado, mais ás 20.00 horas, poderemos escoitar a Xosé Isidro Fernández, autor de  Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo, unha obra na que tamén hai capítulos dedicados a Ribadeo”.

Pilar Otero anima a participar nesta proposta cultural do 9 ao 11 de xullo en Ribadeo.