A EMMeD de Ribadeo programa audicións para amosar o traballo que se realiza no centro. Serán do 31 de marzo ao 7 de abril.

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) organiza actuacións nas que participarán diferentes especialidades das que se imparten no centro. Esta actividade terá lugar entre os días 31 de marzo e 7 de abril ás 20:00 horas na propia Escola, agás a do venres, 31 de marzo, de danza, que será no Auditorio e a do martes 4 de abril, de vento metal, que terá lugar no Cine-Teatro. A entrada ás mesmas é gratuíta.

Venres 31 de marzo – Danza clásica e moderna (Auditorio)
Luns 3 de abril – Frauta e oboe (Escola)
Martes 4 de abril – Vento metal (Cine-Teatro)
Mércores 5 de abril – Acordeón e Corda (Escola) .
Venres 7 de abril – Percusión (Escola).

O responsable da EMMeD de Ribadeo, Hugo García Presno, sinalou que “o obxectivo destas actuacións é que o alumnado toque en público, incluso aqueles que están comezando, que vaian perdendo o medo ao escenario e que amosen o traballo feito ao longo do curso”. 

E engade que “as audicións veñen formando parte ao longo dos últimos anos da programación académica da EMMeD de Ribadeo. Proba delo é que durante o mes de maio haberá outra serie de audicións co resto de especialidades que se imparten no centro”.