En outubro celebrarase en Foz o Ciclo de Teatro de Outono. As representacións serán os venres na Sala Bahía.

A Delegación de Cultura do Concello de Foz organiza o Ciclo de Teatro de Outono, cunha programación de teatro profesional para público adulto todos os venres de outubro na Sala Bahía.

Esta actividade foi presentada polo alcalde, Fran Cajoto Caserío, e a concelleira de Cultura, Inés López Couto, quen anuncia que “co lema Foz fai cultura as mellores compañías do teatro galego pasarán pola Sala Bahía todos os venres do mes de outubro ás 21.00 horas. O custo da entrada para cada representación será de 5 euros. Respectaranse todas as medidas de seguridade e hixiene esixidas, como ata o de agora se está realizando en todas as actividades organizadas polo Concello de Foz, cunha programación segura”.

Este venres, 2 de outubro, Sarabela Teatro poñerá en escena a súa obra recentemente estreada A lingua das bolboretas, da novela de Manuel Rivas, enmarcada dentro do teatro contemporáneo e cunha duración de 70 minutos. O elenco artístico está formado por: Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Elena Seijo. Recoñecida como unha das compañías máis consolidadas de Galicia, Sarabela Teatro leva 36 anos de traballo incesante, nos que o compromiso coa realidade maniféstase  en cada un dos seus espectáculos. Conta con seis premios Compostela, 40  María Casares, 5 Fetén e 1 Celestina. Foi finalista en dúas ocasións nos premios Max e en Teatralia. Recibiu varios premios de honra: Xiria, FETEGA, o premio Bos e Xenerosos da AELG  e a mención honorífica pola súa contribución á Cultura Galega do Festival Primavera de Cine de Vigo Abrente. E obtivo o premio do espectador no FIOT de Carballo.

O 9 de outubro a ArtesaCía presentará Chola, a it girl, unha obra de teatro contemporáneo cunha duración de 70 minutos. ArtesaCía é unha compañía que nace entre Galicia e New York. Os seus compoñentes, o director Roi Fernández e a actriz Laura Villaverde, formáronse artisticamente entre esas dúas terras.

O ciclo continuará o día 16 con Quico Cadaval, que ofrecerá unha representación de teatro comedia cunha duración de 90 minutos.

O venres 23 a compañía Señora Supina presentará Cinco mulleres que comen tortilla, unha obra de teatro comedia con 80 minutos de duración. Do elenco artístico forman parte Nola Drake, Raquel Ferraz, Alba Outeda, Raquel Crespo e Gabi Modesto.

E rematará o ciclo o día 30 con Ibuprofeno Teatro e O mel non caduca, obra de teatro contemporáneo cunha duración de 70 minutos. O elenco está formado por Marián Bañobre e Avelino González.