En Ribadeo Acisa repartirá 550 euros en premios no VII Concurso Fotográfico Día do Pai, que se desenvolverá do 3 ao 19 de marzo.

Acisa repartirá 550 euros en premios no VII Concurso Fotográfico Día do Pai, que terá lugar do 3 ao 19 de marzo. Poderase participar en dúas modalidades: redes sociais e vía postal. 

Segundo recollen as bases, que se atopan en facebook e nas oficinas de Acisa, “a participación na modalidade postal, co envío da fotografía impresa, impide automaticamente a participación na modalidade en redes. Os traballos presentados non puideron ser publicados previamente en revistas, xornais, libros ou nas redes e tampouco puideron ser obxecto de ningún outro premio fotográfico. As fotos elixidas deben ter unha resolución de 2 mpx para a súa posterior impresión e exposición”.

Na modalidade de redes sociais as imaxes deben subirse á páxina do facebook de Acisa mediante a app que estará operativa desde mañá, venres. O prazo máximo de envío físico e dixital será ata as 00:00 horas do día 19 de marzo. 

Do 3 ao 19 de marzo efectuarase a votación popular en facebook que dará lugar ao premio do público, dotado con 100 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados.

O xurado do VII Concurso Fotográfico Día do Pai reunirase o 20 de marzo pola mañá para elixir ás fotos gañadoras. O primeiro premio estará dotado con 200 euros en vales de compra de Acisa, ao segundo premio corresponderanlle 150 euros en vales de compra e ao terceiro premio 100 euros en vales de compra de Acisa. 

Desde Acisa subliñan que as fotografías premiadas e as presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión da asociación, co único obxecto de promocionar a fase participativa do concurso.