A escritora Andrea Maceiras estará o 30 de abril en Foz participando nas actividades organizadas polo Concello para celebrar o Día do Libro.

A Biblioteca Pública Municipal de Foz Salgado Toimil para conmemorar o Día do Libro levará a cabo unha actividade de animación á lectura, “Selvas de palabras”, que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura este sábado, 30 de abril, ás 12:00 horas. No acto intervirán Andrea Maceiras, escritora de literatura infantil e xuvenil e Inés López Couto, concelleira de Cultura. Unha vez finalizada a presentación, sortearanse entre as persoas asistentes dous lotes de libros.
 
O evento está dirixido para un público familiar e infantil de 8 a 12 anos e a entrada é libre ata completar a capacidade.
 
A escritora Andrea Maceiras convidaranos a unha viaxe literaria por dúas selvas: a selva amazónica onde nos descubrirá aos protagonistas da súa novela A folla azul (Premio Merlín, 2020) e a selva do sueste asiático onde coñeceremos aos personaxes da súa novela Alma de elefante (Premio Anaua, 2022).