A FCAM repartirá máis de 10.000 euros en premios na campaña de promoción do comercio local que se desenvolverá do 16 de setembro ao 3 de novembro.

A Federación de Comercio A Mariña sorteará máis de 10.000 euros en premios na campaña de promoción do comercio local, que levará a cabo do 16 de setembro ao 3 de novembro.

A FCAM realizará un total de sete sorteos. Serán en Viveiro, Covas, Burela, Ribadeo, Foz, Lourenzá e Xove. Esta campaña para potenciar as compras no comercio tradicional destas vilas dará comezo na cidade do Landro. Este primeiro sorteo será o 22 de setembro. 

O seguinte terá lugar en Covas o 29 de setembro. No mes de outubro serán en Burela, o día 6; en Ribadeo, o día 13; en Foz, o día 20; e en Lourenzá o 27 de outubro. A campaña rematará en Xove o 3 de novembro.

As persoas interesadas en participar deberán gardar os tíckets de compra nos establecementos asociados e entrarán nos sorteos de 1.500 euros en vales de compra en cada unha das sete asociacións de comerciantes da Mariña que forman parte da FCAM.

Os sábados dos sorteos durante todo o día e en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas na carpa instalada pola Federación de Comercio A Mariña realizarase o canxe dos tíckets polas papeletas que lle permitirán á clientela do comercio mariñá participar nos devanditos sorteos, que serán presenciais e na mesma carpa. Está previsto que todos dean comezo ás 20:30 horas. 

A FCAM repartirá máis de 10.000 euros premios en menos de dous meses, nunha campaña que está consolidada entre a poboación da comarca e que serve para reactivar as compras no comercio de proximidade durante o outono. Está financiada pola FCAM, pola Xunta de Galicia coas súas liñas de axuda ao comercio e conta coa colaboración da Federación Galega de Comercio. 

A devandita campaña foi presentada por membros da xunta directiva da FCAM, que preside José Carlos Paleo. No encontro que mantiveron nas últimas horas tamén realizaron unha valoración das relacións e axudas á Federación de Comercio A Mariña desde as administracións locais e provinciais, así como con distintos organismos e convenios.

Desde a directiva da FCAM apréciase un repunte das compras nas tendas de proximidade, “onde a clientela cada vez valora máis as axudas ao pequeno comercio e ás distintas actividades que se realicen para a súa promoción nas vilas, como accións de tipo cultural deportivo, festas… recoñecendo así que as plataformas de compra non aportan nada á convivencia dos veciños e veciñas da comarca da Mariña”.

E animan “a que aproveiten a oportunidade a través desta campaña para facer as súas compras no comercio de proximidade, algo que lles dará opción a facerse con interesantes premios que volverán repercutir nas tendas locais, algo que consideramos moi importante”.