Foz acollerá o 12 de agosto o Festival Vrao Sons Independentes. Será na praza Conde de Fontao.

Esta mañá presentouse no Cenima de Foz a segunda edición do festival Vrao Sons Independentes, que se celebrará o día 12 deste mes, sábado, na praza Conde de Fontao da vila focega.

O promotor do festival, Antonio Paz, explicou: “despois do éxito acadado o ano pasado creemos que este formato de festival chegou para quedar e proba diso é o apoio institucional recibido por parte principalmente do Concello de Foz, a Deputación de Lugo e a ACIA; e desde a organización non podemos estar máis agradecidos a estas institucións por permitirmos seguir promocionando a cultura musical realizada na nosa terra”.

E o alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou a variedade de programación que promove o Concello de Foz durante a tempada de verán e fóra dela: “estamos a falar de todo tipo de actividades, probas deportivas, actuacións de grupos tradicionais, festas patronais, cultura, festivais... Na rúa felicítannos pola variedade e a calidade da programación, que é moi completa. Isto hai que compatibilizalo co descanso porque queremos que Foz continúe medrando e siga a converterse no gran referente da nosa comarca. Quero agradecer á Deputación de Lugo o gran apoio económico que nos está a prestar para promover a música local a través do festival Vrao. Dicir Vrao é dicir Foz”.

Na presentación participaron tamén o concelleiro de Festas, Ángel Fernández; a edil de Xuventude, Zoraida Coira; a deputada provincial Marisol Morandeira; e a xerente do Centro Comercial Aberto de Foz, Ana Segade.