A horta será a protagonista do 21 ao 23 de agosto da campaña #DegustaAMariña da FCAM, que rende homenaxe á XXX Festa da Faba de Lourenzá.

A horta da comarca será a protagonista do 21 ao 23 de agosto da campaña #DegustaAMariña da FCAM. Os locais hostaleiros participantes ofrecerán tapas, racións ou pratos elaborados con produtos cultivados na terra mariñá. 

O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, dixo que “esta vindeira fin de semana queremos render homenaxe á horta da Mariña e a todas e todos eses produtores que con tanto esmero labran as súas terras e coidan as súas producións. Na horta da Mariña podemos atopar, entre outras cousas, a exquisita faba de Lourenzá, os pementos de Piñeira, tomates, calabacín, pepino, leituga, xudías, repolos, zanahorias, cebolas, allos,  fresas, arándanos… é unha produción moi variada e de temporada. Vaise renovando con cada estación”. 

Paleo considera que “esta é unha boa ocasión para saborear os produtos que da a nosa terra, que saen da horta da Mariña, para ir directamente aos restaurantes da comarca ou ás nosas casas”. 

A FCAM está a lembrar e a homenaxear, desde o pasado 24 de xullo, a todas as festas gastronómicas da comarca que este verán foron canceladas. Xa houbo fins de semanas dedicadas á pescada, ao bonito, ao marisco e á tenreira galega. 

Paleo subliñou que “o que pretendemos ademais é fomentar o consumo dos produtos de tempada desta zona que os establecementos hostaleiros da Mariña teñen nas súas cartas e que son un reclamo para os turistas que nos visitan no verán e tamén para as veciñas e os veciños desta terra”.

A Federación de Comercio A Mariña anima a disfrutar desta cita gastronómica e a deixar constancia das boas mesas compartidas estes días “a través das fotos que podemos colgar en Instagram empregando o hastag #DegustaAMariña cunha pequena descrición sobre a súa experiencia”. 

A campaña #DegustaAMariña prolongarase ata finais deste mes de agosto. Colaboran coa FCAM: a Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.