A I Carreira Popular Maruxaina terá lugar o 1 de novembro nas pistas de atletismo da Veiga, en Cervo

As pistas de atletismo da Veiga serán estreadas oficialmente o próximo 1 de novembro, coa I Carreira Popular Maruxaina, organizada polo Club Deportivo San Ciprián e polo Concello de Cervo.

A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, polo edil de Deportes, David Rodríguez, e por varios integrantes do Club Deportivo, na propia instalación que xa recibiu o certificado de homologación que acredita que reúne as condicións regulamentarias para a práctica do atletismo e a homologación das marcas que nela obteñan os deportistas.

As persoas interesadas en participar xa se poden inscribir a través da ligazón https://ccnorte.com/evento/detalle/id/2650/i-carreira-popular-maruxaina-..., nas diferentes categorías, tanto para menores, cuxa saída está programada para as 11:00 hora, como para a proba absoluta que será a partir das 12:00 horas.

A I Carreira Popular Maruxaina será a primeira competición de carácter oficial que acollerán as novas pistas de atletismo, cuxa inauguración está prevista para o próximo 31 de outubro.

Desde o Concello de Cervo animan aos afeccionados e profesionais do atletismo a que se anoten  a esta carreira, que será unha primeira toma de contacto coas novas instalacións que temos o privilexio de ter no noso municipio.

Haberá trofeos para todas as categorías e de regalo unha camiseta técnica para os/as 150 primeiros/as inscritos/as.