A II Heroican Race terá lugar en Ribadeo o vindeiro 7 de maio. O evento deportivo presentouse na Casa do Concello.

Ribadeo acollerá a segunda edición da Heroican Race o vindeiro 7 de maio. O evento, que organiza o Grupo Serviocio/BeOne co que colabora o Concello, foi presentado esta tarde.

Na súa intervención o concelleiro de Deportes, David Rivas, sinalou que “despois do éxito que tivo o ano pasado a primeira edición, desde o Concello sentimos a satisfacción de presentar hoxe esta 2ª Heroican Race, unha carreira que o ano pasado xuntou en Ribadeo a máis de 1000 persoas entre participantes e acompañantes e que dinamizou enormemente a vida da vila”.

O edil nacionalista manifestou: “desexamos firmemente que este evento manteña unha continuidade no tempo, se asente e que se converta nunha cita ineludible para todas as persoas afeccionadas a este tipo de carreiras. Estamos convencidos de que vai ser un novo éxito de participación, pero tamén de organización. Temos depositada no Grupo Serviocio/BeOne toda a confianza, resultado de moitos anos de xestión da piscina municipal, e tamén dunha organización impecable na Heroican Race do ano pasado”.

David Rivas quixo agradecer “a comprensión das veciñas e veciños de Ribadeo que se poidan ver afectados polos cortes de tráfico que implican acoller unha proba deste calibre, máis seguro que o balance final ha ser moi positivo para o noso concello”.

Na primeira Heroican Race, que se celebrou en setembro do ano pasado, participaron 1.000 persoas (adultos e nenos), 100 membros da organización e voluntarios e arredor de 2.000 espectadores. Os racers disputaron unha dura carreira con 30 obstáculos. O Grupo Serviocio/BeOne agarda repetir, e incluso superar, estas cifras: “o obxectivo é volver converter a Ribadeo no foco de atención dos afeccionados ás OCR”.